POESIA DO MES DE XULLO
CINZAS TRALAS CORTINAS
As cinzas do día agocháronse tralas cortinas.
No silencio da noite, no recreo desta vida,
aínda os meus oídos pitan a grave inxustiza
que atormenta ó inferno que me toca a escondidas.
Un feitizo de bruxería me engule no sono,
onde eu paseo leda lonxe da realidade.
A pesares de todo, logro acariciar o toxo
que para min un día foi a rosa da soidade.
Xa no corazón desta fraga o sol quenta o corpo,
a brisa xoga e esperta a mente e a fantasía.
A auga do río refresca o meu cándido rostro...
Mais o frío puñal do xeo rematará coa alegría.
Nun segundo o tempo vólvese unha besta feroz.
os relámpagos, tronos, a choiva, o frío, o vento...
bágoas, gritos, golpes... encollen o meu corazón.
Auga que esconde o inferno, auga bendita do demo.
Tórnanse moradas as moitas nubes do ceo,
e as pingas me corroen as entrañas sen compaixón.
Intento escapar, correr... non podo, teño medo...
¿e se polo intento de escapar trabuco a ocasión?
Un estrondo logra espertarme, outra vez é día.
Meu marido ó meu carón, durme en honor á harmonía,
mentres eu busco a miña alma e o meu corpo con vida,
e agocho, coma que non o ve, as cinzas tralas cortinas.
Marta Ramos Mallo
A Coruña 1986
Esta poesía de Marta Ramos foi a elixida para ser a poesía do mes de Xullo en www.poesiagalega.com